As praias de Poio recuperan as papeleiras, as duchas e os lavapés

Poio
03 de xullo 2023

Dúas brigadas municipais xa están a traballar no operativo especial de limpeza nas praias de Poio. Co mes de xullo xa comezado, están a utilizar maquinaria específica en todos aqueles areais nos que sexa posible o acceso ou nos que o permita as mareas. O alcalde confía en deixar ao longo desta semana todas as praias en total funcionamento.

Praia de Xiorto
Praia de Xiorto / Concello de Poio

Dúas brigadas municipais xa están a traballar no operativo especial de limpeza nas praias de Poio. Co mes de xullo xa comezado, están a utilizar maquinaria específica en todos aqueles areais nos que sexa posible o acceso ou nos que o permita as mareas.

Durante a última semana, os operarios ocupáranse de acondicionar e rozar os accesos e as escaleiras e os socorristas xa están traballando nas praias de Xiorto e Cabeceira.

Unha das novidades deste ano, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, é a recuperación das papeleiras de recollida de plástico e orgánico nas saídas das praias, así como as duchas e os lavapés, co obxectivo de mellorar e ampliar a calidade dos servizos que se ofrecen.

Desde o goberno local piden desculpas porque, en dúas semanas, "non só tivemos que solucionar o estado de abandono no que se atopaban as praias, senón que ademais tivemos que facelo cos poucos recursos que estaban dispoñibles no Concello".

Moldes insiste en que se atoparon con partidas económicas esgotadas e con escasos recursos humanos, tras reducirse a contratación de persoal de servizos.

O alcalde confía en deixar ao longo desta semana todas as praias en total funcionamento.