As praias de Vilagarcía xa están vixiadas polos socorristas

O Salnés
02 de xullo 2023

A Concha-Compostela (Vilagarcía), O Campanario (Bamio) e O Preguntoiro (Vilaxoán) contarán con vixiantes todos os días, entre as 12:30 e as 20:30 horas. O Concello, para cubrir este servizo, contratou a doce socorristas para atender estes tres areais entre o 1 de xullo e mediados de setembro

Praia da Concha-Compostela, en Vilagarcía
Praia da Concha-Compostela, en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

Desde este sábado, as tres praias de Vilagarcía de Arousa xa contan con servizo de salvamento e socorrismo acuático.

Así, os areais de Concha-Compostela (Vilagarcía), O Campanario (Bamio) e O Preguntoiro (Vilaxoán) contarán con vixiantes todos os días, entre as 12:30 e as 20:30 horas.

O Concello, para cubrir este servizo, contratou a doce socorristas para atender estes tres areais entre o 1 de xullo e mediados de setembro.

Haberá así persoal suficiente para atender as típicas incidencias que se adoitan dar nunha praia, entre eles, golpes de calor, picaduras de insectos, queimaduras solares, cortes, caídas ou as menos frecuentes, como rescates ou reanimacións.

O goberno municipal explicou que, ademais, os novos aseos portátiles que ampliarán as instalacións existentes na Compostela e na Concha xa están instalados.

Un dos módulos emprazouse xunto aos baños fixos do piñeiral e outro no extremo máis próximo a Carril, no canellón que comunica o paseo marítimo coa praia.

As dúas bandeiras azuis que ondearán en Vilagarcía este verán, nos areais de Concha-Compostela e O Campanario, izaranse este luns.