As praias do Lérez e Ponte Sampaio terán socorrista a diario de 13.00 a 20.30 horas

Pontevedra
16 de maio 2024

O servizo prestarao a empresa Salvar Formar e Socorrer, que resultou adxudicataria do concurso convocado polo Concello de Pontevedra. O contrato será por dous anos con opción de prórroga outros dous anos. Os socorristas atenderán as praias entre o 1 de xullo e o 31 de agosto

Praia fluvial de Ponte Sampaio
Praia fluvial de Ponte Sampaio / Mónica Patxot

As praias fluviais do Lérez en Pontevedra e do Verdugo en Ponte Sampaio terán servizo de socorrismo durante este verán a diario de 13.00 a 20.30 horas, cun socorrista de luns a venres e un reforzo de dous durante as tardes da fin de semana, de 16.30 a 20.30 horas.

O servizo prestarao a empresa Salvar Formar y Socorrer, dedicada á prestación de servizos de socorrismo e formación, que resultou adxudicataria do concurso convocado polo Concello de Pontevedra. 

O Concello sacou a licitación, por primeira vez, un contrato para a xestión e coordinación do servizo de socorrismo nas dúas praias e a Xunta de Goberno deste xoves aprobou a adxudicación por 44.762 euros anuais. O contrato será por dous anos con opción de prórroga outros dous anos. 

Os socorristas atenderán as praias fluviais entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. 

A tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde, anunciou a adxudicación e explicou que os socorristas terán entre as súas funcións a vixilancia dos areais, información aos usuarios, a comunicación coa Policía Local e a colocación de balizamentos e bandeiras.  

LICENZA PARA O FROEBEL

Na Xunta de Goberno deste xoves tamén se acordou conceder unha prórroga para o prazo de finalización da terceira fase das obras do colexio Froebel.

Tal e como explicou Vilaverde, en 2011 concedeuse licenza para a execución das obras neste colexio en tres fases. Agora, prorrógase licenza para esa terceira fase cunhas modificacións, un trámite administrativo cuxa importancia radica en que supón xa finalizar a mellora deste centro educativo do centro da cidade.