As previsións de chuvia obrigan a aprazar unha semana o Combate Naval de Vilagarcía

O Salnés
21 de agosto 2015

Queda adiado para o sábado 29 de agosto, unha semana despois do previsto. O mal tempo tamén obriga a aprazar unha semana o desfile de Carrozas programado para as 20.00 horas do domingo. Celebrarase o domingo día 29 á mesma hora

Combate naval de Vilagarcía 2014
Combate naval de Vilagarcía 2014 /

O Combate Naval previsto para a noite deste sábado 22 en Vilagarcía de Arousa tivo que ser aprazado por mor das malas previsións meteorolóxicas, que apuntan á existencia de abundantes chuvias para a noite do sábado e boa parte do domingo. Queda adiado para o sábado 29 de agosto, unha semana despois do previsto.

O mal tempo tamén obriga a aprazar unha semana o desfile de carrozas programado para as 20.00 horas do domingo. Celebrarase o domingo día 29 á mesma hora.

O Concello tamén optou por mudar de escenario todos os actos de animación infantil dos Superroquiños, que se trasladan para a praza da Peixería, ao igual que o espectáculo Bambalas, previsto para o domingo, que será tamén na Peixería, pero ás 20.00 horas e non ás 22.00 como estaba anunciado.

O que si se mantén é a tradicional verbena do sábado do Combate, que se celebrará onde estaba previsto, na avenida da Mariña fronte á Alameda.

Con respecto ao aprazamento do desfile de carrozas, as reservas dos nenos que ían ir nelas (40 rapaces) seguen en vigor ata o próximo domingo. Dende o departamento de Protocolo poranse en contacto coas familias de cada un dos inscritos. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora