As grandes avalanchas de compradores agardando á apertura das portas dos establecementos na zona da milla de ouro pontevedresa pasaron á historia. Este luns 7 a maioría de comercios iniciaban a temporada de rebaixas pero a liberalización dos períodos en que se poidan establecer estas ofertas restan presenza de compradores.
En todo caso, ao longo deste luns, numerosas persoas achegáronse polos principais comercios da cidade de Pontevedra situados na contorna de Benito Corbal, sobre todo de prendas de roupa e de complementos, para tentar atopar produtos a baixo prezo. Nestes establecementos os descontos varían entre o 15% e o 70%.
A friaxe na rúa axuda a que moitas persoas decidan entrar nos locais e en moitos casos rematan mercando algún dos obxectos en saldo.
Segundo afirma a empresa de traballo temporal Adecco, as rebaixas de xaneiro xerarán 2.650 contratacións na provincia de Pontevedra
A Policía Nacional estableceu un operativo de vixilancia nas principais rúas para tentar disuadir os amigos do alleo de que leven a cabo furtos tanto aos vendedores como aos clientes. Neste sentido, alertan da importancia de manterse atentos en situacións de aglomeración e non descoidar bolsos nin carteiras.