As Rías Baixas agardan unha ocupación hoteleira do 53% na ponte de maio

Pontevedra
26 de abril 2018

O informe do Instituto Nacional de Estatística pon a Rías Baixas no liderado de Galicia e no top estatal. O aumento de visitantes captados pola provincia de Pontevedra supón o 42% de todos os novos turistas atraídos por Galicia

Acceso á praia de Montalvo Juan M

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladou este xoves as previsións do sector turístico para a vindeira ponte do primeiro de maio que estiman, para o conxunto da provincia de Pontevedra, unha ocupación hoteleira do 53,1%.

Carmela Silva asegurou que se tratan de previsións "cautelosas, a falta de reservas do último minuto e da situación meteorolóxica" e adiantou que "o sector é unánime ao dicir que os resultados definitivos serán mellores".

Segundo as previsións, por comarcas, Caldas rozará o 80%, O Morrazo terá unha ocupación do 77%, Pontevedra chegará ao 70%, Vigo ao 65%, O Salnés superará o 62%, as comarcas de Deza e Tabeirós acadarán o 34% e O Condado e A Paradanta o 30%.

No caso do turismo rural a ocupación hoteleira media prevista na provincia de Pontevedra nestes establecementos é do 39%.

"En todo caso, se cumpran ou non as previsións, quero poñer en valor o excelente inicio de ano que levamos en Rías Baixas desde o punto de vista turístico", asegurou a presidenta da Deputación. Neste eido, Silva referiuse ao informe que vén de publicar o Instituto Nacional de Estatística relativo aos resultados de viaxeiros rexistrados no estado.

A presidenta provincial subliñou que estamos "ante o mellor primeiro trimestre de ano" e que os datos do INE "poñen de manifesto que a provincia de Pontevedra é o puntal turístico de Galicia e se sitúa no top ten nacional".

Deste xeito, Silva informou que "se entre xaneiro e marzo pasaron por Galicia 598.400 viaxeiros e viaxeiras que supoñen 37.500 máis que o ano pasado, 178.000 aloxáronse na provincia de Pontevedra, é dicir, o 30% dos turistas que visitan Galicia escollen a nosa provincia para durmir".

Máis polo miúdo, dos 37.500 viaxeiros máis rexistrados en Galicia con respecto ao primeiro trimestre do 2017, 15.700 correspóndense con persoas que elixiron o destino Rías Baixas, é dicir, o aumento de visitantes captados pola provincia de Pontevedra supón o 42% de todos os novos turistas atraídos por Galicia.