As Rías Baixas esperan unha ocupación turística do 64% esta ponte

Pontevedra
05 de decembro 2017

As previsións efectuadas por Turismo Rías Baixas estiman unha ocupación media provincial durante a ponte de ata 24 puntos por riba do mesmo período do 2016. De confirmarse os resultados, 2017 remataría como o mellor ano turístico da última década

Turistas na avenida de Santa María
Turistas na avenida de Santa María / Mónica Patxot

A ponte festiva da Constitución e a Inmaculada desta semana suporá unha ocupación turística moi positiva nas Rías Baixas. Estas son as previsións realizadas polo organismo turístico da Deputación de Pontevedra, que estima unha ocupación media do 64% nos aloxamentos da provincia.

As estimacións medias provinciais de Turismo Rías Baixas supoñen ata 24 puntos por riba do estimado na mesma ponte de 2016, cando se agardaba un 40% de ocupación. 7

De confirmarse estes resultados, permitirían pechar 2017 como o mellor ano turístico da última década. O pasado verán xa foi, cunha ocupación do 83%, "o mellor desde que temos rexistros", cinco puntos superior a 2016.

A ocupación máis alta espérase na comarca de Caldas, cun 98% de ocupación hoteleira, seguida de O Condado e A Paradanta (85%) e O Salnés (81%). Para a comarca de Pontevedra, prevese unha ocupación do 70% e para O Morrazo e Vigo máis do 52%.

A ocupación agárdase máis baixa nos establecementos de turismo rural, cunha estimación media para a provincia superior ao 32%. En todo caso, sería case 20 puntos superior á agardada para a mesma ponte do ano 2016.