As Rías Baixas permanecen en niveis de risco extremo de incendios forestais durante esta fin de semana

Pontevedra
24 de agosto 2018

Durante os vindeiros días, as temperaturas van situarse entre os 27 e os 32 graos con ventos do norte. Desde o servizo de Emerxencias do 112 Galicia piden precaución e "sentidiño" para evitar lumes

Unha señora protéxese do sol cun paraugas
Unha señora protéxese do sol cun paraugas / PontevedraViva

O servizo de Emerxencias do 112 Galicia avanzou, a través da rede social Twitter, que a situación que afecta a Galicia alcanza niveis de risco extremo ou moi alto de incendios forestais. As altas temperaturas previstas para os próximos días, entre 27 e 32 graos, e os ventos do norte propician que os montes galegos atópense baixo alerta. Desde o 112 pídese precaución e "sentidiño" para evitar que se xeren lumes. 

Segundo Meteogalicia, a comunidade atópase este venres 24 nunha situación intermedia entre as altas presións de Azores e as baixas do Atlántico norte. Espérase que os ventos sopren de compoñente norte, moderados no litoral e máis frouxos no interior, con intervalos fortes na costa atlántica durante a tarde. Con temperaturas que oscilarán entre os 17 e os 29 graos.

Para este sábado 25, as altas presións tenderán a entrar en forma de cuña sobre a península Ibérica. As temperaturas sufrirán un descenso, algo máis acusado nas mínimas situándose entre os 14 e os 27 graos. Os ventos seguirán sendo frouxos de compoñente norte, con algún intervalo de moderado no litoral de Pontevedra.

As Rías Baixas manteranse baixo a influencia das altas presións durante o domingo 26. Espéranse ceos pouco nubrados ou despexados en xeral. As temperaturas ascenderán lixeiramente con ventos frouxos de compoñente norte.

O luns 27 virá marcado pola entrada de aire cálido en superficie. Os ceos permanecerán despexados e ao final da tarde irá entrando aire frío nas capas altas da atmosfera con aumento da inestabilidade e a formación de nubes de tormenta na provincia de Pontevedra, coa posibilidade de chuvascos na madrugada do martes 28. As temperaturas ascenderán ata os 32 graos e os ventos manteranse de compoñente norte.