As Rías Baixas rexistraron unha ocupación hostaleira media do 72% no mes de setembro

Pontevedra
05 de outubro 2018

O bo tempo e o cambio nos hábitos vacacionais, contribuíron ao aumento da estancia media das persoas que visitaron as Rías Baixas, están a converter a setembro "nun mes cada vez máis atractivo", segundo indicou a presidenta provincial

Turistas en Combarro
Turistas en Combarro / PontevedraViva

A provincia de Pontevedra rexistrou unha ocupación hostaleira media do 72% no pasado mes de setembro, segundo informou este venres en rolda de prensa a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que valorou este dato como "extraordinario".

O bo tempo e o cambio nos hábitos vacacionais, contribuíron ao aumento da estancia media das persoas que visitaron as Rías Baixas, están a converter a setembro "nun mes cada vez máis atractivo", segundo indicou a presidenta provincial.

A comarca do Salnés conseguiu unha ocupación nos establecementos hostaleiros do 76%, a de Pontevedra do 87,5%, O Morrazo superou o 58,45%, Caldas o 92%, Vigo rozou o 87%, O Baixo Miño o 66,8%, as comarcas do Condado e da  Paradanta chegaron ao 48% e as de Deza e Terra de Montes o 65,5%.

Carmela Silva incidiu en que "por noveno mes consecutivo" o turismo rural viviu un incremento da ocupación situándose a media no 50%, unha porcentaxe que supera en 10 puntos o conseguido no 2017 e ata quince puntos por encima do obtido en setembro de 2016.

Por comarcas, o Salnés obtivo un 67% de ocupación nos establecementos rurais, Pontevedra o 45,25%, O Morrazo un 45%, Caldas o 43%, Vigo un 60%, O Baixo Miño un 59%, as comarcas do Condado e  Paradanta un 38% e as de Deza e Terra de Montes un 21%.

PERFIL DO TURISTA

Atendendo aos datos obtidos nas oficinas de turismo, o perfil do turista que visitou a provincia de Pontevedra en setembro maioritariamente nacional. En concreto o 81% procedían do Estado (principalmente Madrid, Barcelona, Asturias, Biscaia e Córdoba) e o 19% do estranxeiro (Portugal, Reino Unido, Alemaña, Francia e Italia).

O 52% das persoas que visitaron Rías Baixas en setembro conta con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos e alóxanse en hoteis entre 7 e 15 días. Ademais, o 40% achégase á provincia por motivos culturais e o 63% non visitaran o destino con anterioridade.