As Rías Baixas venderanse como un destino único de praia e interior

Pontevedra
08 de abril 2014

A Deputación de Pontevedra quere impulsar Rías Baixas como un destino conxunto que mesture costa e interior e que venda todo Pontevedra como unha marca turística única. Segundo o presidente, Rafael Louzán, o que se busca é que "a marca Rías Baixas sexa vista coma referente de toda unha provincia"

Xornadas de formación para informadores turísticos de Turismo Rías Baixas
Xornadas de formación para informadores turísticos de Turismo Rías Baixas / PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra quere impulsar Rías Baixas como un destino conxunto que mesture costa e interior e que venda todo Pontevedra como unha marca turística única. Segundo o presidente, Rafael Louzán, o que se busca é que "a marca Rías Baixas sexa vista coma referente de toda unha provincia".

Con esa idea traballarán xa os 28 bolseiros que traballarán nos próximos meses nas oficinas de turismo de Baiona, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, Lalín, Nigrán, Sanxenxo, Redondela, Ribadumia, Tui, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Bueu, Cuntis, Caldas de Reis, A Estrada, Gondomar, Marín, Oia, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilanova de Arousa.

Os 28 comezaron este martes unhas xornadas de formación que teñen como obxectivo proporcionarlles aos bolseiros formación e criterios básicos para que a información turística da provincia sexa "homoxénea, obxectiva e de calidade", así como pautas que deberán seguir nas súas responsabilidades como informadores turísticos.

A técnica de turismo Inés Calvo incidiu nunha das charlas deste martes no carácter de "destino único e integrado" que son as Rías Baixas e que pode ofrecer ao visitante "moito máis que costa". Trasmitiulles que Pontevedra conta con atractivos abondo para resultar interesante aos máis diversos tipos de turista: para o que viaxa buscando cultura e patrimonio histórico artístico; para o que busca natureza e paisaxe; para o que busca descanso e boa comida; e para o que prefire turismo activo.

Dentro desta xornadas, este xoves 10 os asistentes terán a oportunidade de coñecer as oportunidades que ofrece o proxecto Smart Destinos, co que a Deputación de Pontevedra quere posicionar á provincia nun mercado turístico moderno, no que a comunicación directa co cliente e a presenza en rede son fundamentais.

Ao respecto, a Deputación sinala que está aberto o prazo para que as empresas turísticas se sumen ao proxecto e entren a formar parte da súa plataforma online. O obxectivo é que o maior número posible de empresas relacionadas co turismo se integren nunha plataforma que vai permitir coñecer as necesidades dos posibles clientes e adaptarse a elas.

Ao mesmo tempo, os que buscan un destino para os seus días de descanso, van poder ter por primeira vez unha visión global, ampla e detallada do que lle ofrecen as Rías Baixas.