As rúas e praias de Portonovo celebraron este luns un 'scape room' sobre a diabetes.
Unha actividade lúdica e didáctica planificada e coordinada por profesionais tanto do servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés coma do centro de saúde de Baltar e a Dirección da Área Sanitaria, en colaboración coa Asociación de Nenos con Diabetes de Galicia -ANEDIA- e o Concello de Sanxenxo.
Nesta actividade, de hora e media de duración, participaron 46 nenos dentre 12 e 17 anos, xunto con 4 monitores e 12 voluntarios procedentes do Campamento ANEDIA para nenos con diabetes, unha actividade estival que se desenvolve na Illa de Ons do 21 ao 28 de agosto nas instalacións da Xunta de Galicia.
Procedente de Ons, este colectivo infantil e xuvenil desembarcou ao mediodía no porto de Baltar, e pronto comezaron este xogo grupal na busca de diferentes pistas, a través dun roteiro urbán que lles levou polo porto e a lonxa de Baltar, así coma pola praia de Caneliñas, a praza de abastos, a praia de Baltar e o centro de Atención Primaria, lugar onde rematou esta actividade cunha entrega de premios.
Segundo sinalaron os organizadores, este tipo de actividades lúdicas e didácticas reforzan as estratexias e programas de atención específica á diabetes en idades infantís e xuvenís, en coordinación con nutricionistas e endocrinos do Servizo Galego de Saúde, así coma de profesionais de Enfermaría do centro de saúde sanxenxino.