As traballadoras de Bershka continúan en folga tras rematar sen acordo o encontro coa empresa

Pontevedra
01 de novembro 2017

O persoal da tenda de Inditex leva seis días de paro e manteñen quendas fronte aos establecementos para evitar a reapertura por parte da dirección. Na tarde deste martes houbo un encontro entre as representantes sindicais e a dirección sen que se producira un achegamento económico

Traballadoras de Bershka en folga
Traballadoras de Bershka en folga / PontevedraViva

"Aquí estamos, de mañá, de tarde e de noite", exclama unha traballadora de Bershka que fai garda xunto a un grupo de compañeiras ante a porta da tenda situada en Benito Corbal. Levan seis días de folga e se turnan ante os establecementos para evitar que a dirección de Inditex tente unha reapertura enviando a outras traballadoras que as substitúan.

Os seus rostros amosan o cansancio e a tensión destes días pero están convencidas de que este esforzo ten que servir para que lles igualen o soldo coas súas compañeiras das tendas da Coruña. Na provincia de Pontevedra cobran 130 horas menos realizando o mesmo traballo e consideran que é unha discriminación laboral por parte da cadea que dirixe Amancio Ortega.

Durante as últimas horas, desenvolvíase en Santiago o primeiro encontro desde o inicio do paro entre as representantes sindicais e a dirección da empresa, despois de que o luns as traballadoras concentráranse ante as instalacións de Inditex en Arteixo. Non se chegou a acordo e, por tanto, o paro continúa. A empresa négase a aceptar as reclamacións económicas do persoal, a pesar de que se achegaron posturas respecto doutras reivindicacións laborais.

Este mércores, as 65 traballadoras dos cinco establecementos de Bershka na provincia manterán unha asemblea en Vigo para analizar a situación e estudar os próximos actos de protesta. 

É a primeira vez que o grupo Inditex enfróntase a unha folga destas características en España. Numerosas persoas achéganse ás traballadoras en folga para mostrarlles o seu apoio. Elas, con todo, entenden que o grupo de Amancio Ortega presionou para que o seu paro apenas apareza en moitos medios de comunicación. 

Bershka é a segunda filial con máis vendas dentro de Inditex, despois de Zara. En 2016 facturou 2.012 millóns de euros mentres que Inditex lograba un beneficio neto de 3.157 millóns de euros.