As verbenas das Festas de San Xoán serán con Combo Dominicano, Olympus ou Marbella

Poio
07 de abril 2023

Tres das orquestas máis importantes do país, Combo Dominicano, Olympus e Marbella, son as primeiras formacións confirmadas para as verbenas das Festas de San Xoán, que se celebrarán en Poio entre os días 22 e 26 de xuño

Unha das actuacións das verbenas de San Xoán
Unha das actuacións das verbenas de San Xoán / Concello de Poio

Tres das orquestas máis importantes do país, Combo Dominicano, Olympus e Marbella, son as primeiras formacións confirmadas para as verbenas das Festas de San Xoán, que se celebrarán en Poio entre os días 22 e 26 de xuño.

As verbenas, como é habitual, serán na chaira da Seca, segundo avanzou o edil de Festexos, Xosé Luís Martínez, que indicou que esta programación formará parte do ciclo Verán en Poio.

O calendario, que xa está pechado ao 100%, garante diversas propostas desde o inicio do verán en xuño ata a súa finalización xa ben avanzado o mes de setembro, coa Festa da Mercé. 

O Verán en Poio manterá a súa aposta por dispersar os concertos e a música por todo o ámbito municipal.

Así, a finais de xullo chegará o Festival Chalaniña a Lourido, con actuacións e iniciativas dirixidas aos máis cativos e cativas e para seren gozadas en familia. Xa en agosto, os días 2 e 3, terán lugar as actuacións de Panorama en Samieira e de Álvaro de Luna en Raxó, respectivamente.

A Festa do Mar a finais de agosto, a Festa da Ameixa o 16 e 17 de setembro e a Festa da Merced completarán a programación, con todas as actuacións gratuítas.