En grupos limitados e con autorización previa. Así serán as visitas guiadas á illa de Tambo que impulsará o Concello de Poio durante a Semana Santa.
Haberá visitas diarias á illa desde o sábado 23 ata o domingo 31 de marzo, con saídas desde o porto de Combarro en grupos de ata 50 persoas nun máximo de catro viaxes, ás 10:15 e ás 10:45 horas pola mañá e ás 16:00 e ás 17:30 horas pola tarde.
Cada viaxeiro precisa a autorización do Concello e o billete dunha navieira.
A duración da visita oscila entre dúas horas e media e tres horas e inclúe a realización dunha ruta guiada de dous quilómetros polos lugares de especial interese de Tambo. Tamén é posible solicitar autorización como asociación ou colectivo para organizar visitas colectivas.
A edil de Turismo, Rocío Cochón, destacou a aposta do Concello por garantir que Tambo siga sendo unha referencia cultural, natural e de turismo sustentable.
"Queremos compaxinar a máxima protección da illa con facer posible que a xente descubra os tesouros que ofrece, sempre con todas garantías e priorizando o respecto ao medio”, indicou.
Cochón subliñou o interese crecente pola illa despois de ser protagonista en Fitur e co "boca a boca" das persoas que xa fixeron a visita, pero recordou que a prioridade é a sostibilidade porque Tambo "é de todos e entre todos debemos coñecela e coidala".
Despois deste período vacacional, as visitas poderán realizarse os venres, sábados e domingos, coas mesmas condicións de acceso e limitacións do número de visitantes. A posibilidade de visita volverase a ampliar nas vacacións estivais, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.