A rápida intervención da Policía Local de Vilagarcía permitiu deter na tarde deste xoves, 19 de marzo, un home acusado de cometer un roubo con violencia e intimidación en plena vía pública.
O suceso tivo lugar na Avenida das Carolinas, á altura do número 32, moi preto dunha sucursal bancaria.
Segundo a información facilitada polo propio corpo policial, os feitos producíronse ao redor das 19:30 horas. Nese momento, o servizo de emerxencias 092 recibiu unha chamada alertando dun asalto a unha muller que acababa de retirar diñeiro dun caixeiro automático.
O presunto autor abordouna nas inmediacións e, tras un forcexo, conseguiu arrebatarlle uns 40 euros en efectivo antes de fuxir do lugar.
Tras recibir o aviso, dúas patrullas desprazáronse de inmediato á zona e iniciaron un dispositivo de procura para localizar ao sospeitoso.
A actuación deu resultado poucos minutos despois, cando os axentes lograron interceptalo na Praza do Doutor Carús, onde procederon á súa detención.
O arrestado é un veciño de Vilagarcía duns 40 anos, coñecido polas forzas de seguridade debido á existencia de antecedentes previos.
Unha vez detido, foi trasladado aos calabozos da Comisaría da Policía Nacional, onde permanece á espera de pasar a disposición xudicial.