Asembarro convoca unha concentración este 5 de outubro polos cortes de internet

Barro
03 de outubro 2022

A protesta vai ser este mércores 5 ás 20.30 horas diante do Concello de Barro e están convocadas todas aquelas persoas, tanto de Barro como de Meis, que se ven afectadas polos "continuos cortes" no servizo de internet por parte da empresa Telefónica

Cartel de concentración convocada en Barro polos problemas de conexión a internet
Cartel de concentración convocada en Barro polos problemas de conexión a internet / AsemBarro Asociación de Empresarios de Barro

No mes de xuño 5.000 persoas dos municipios de Barro e Meis sufrían un grave corte derivado dunha "avaría masiva" ocasionada por unha sabotaxe no servizo da internet ao producirse un corte dos cables de fibra óptica na central de Curro. Trátase dunha das situacións máis graves que padeceron os residentes nestes concellos, pero non a única.

Por este motivo, AsemBarro (Asociación de Empresarios de Barro) convocou ás persoas afectadas por estes problemas a que se concentren este mércores 5 de outubro a partir das 20.30 horas diante do Concello de Barro para mostrar o seu malestar por estes continuos cortes do servizo da internet por parte da empresa Telefónica, que dá servizo á zona.

Este acto pretende ser un chamamento á empresa de comunicacións para que resolva o problema canto antes xa que está a causar prexuízos tanto a empresas como a particulares. A concentración da asociación empresarial está apoiada polo Concello de Barro e tamén polo de Meis.