Asemblea veciñal telemática para presentar a reforma da rúa Rosalía de Castro

Pontevedra
17 de febreiro 2021

A xuntanza está prevista para o vindeiro mércores 24 de febreiro ás 20.00 horas e para participar será necesario inscribirse a partir do venres no formulario da páxina web apuntate.pontevedra.gala>

Proxecto de reforma de Rosalía de Castro (tramo 2)
Proxecto de reforma de Rosalía de Castro (tramo 2) / Concello de Pontevedra

O proxecto de reforma urbana prevista para a rúa Rosalía de Castro será presentado o vindeiro mércores 24 a todas aquelas persoas residentes nesta zona e que queiran analizar esta actuación.

O concelleiro de Obras Urbanas Demetrio Gómez manterá este encontro a través dunha cita virtual que levará a cabo coa intención de que a veciñanza achegue ideas e estude o proxecto.

Debido ás medidas sanitarias o encontro realizarase a través de medios telemáticos a partir das 20.00 horas do mércores 24 e as persoas interesadas deben inscribirse previamente a través do formulario que se habilitará a partir deste venres 19 no sitio web apuntate.pontevedra.gal

O proxecto conta cun orzamento de 1.792.586 euros e céntrase no segundo tramo desta rúa. Contempla cambios, segundo o goberno local, dirixidos a manter as fórmulas de calidade urbana do centro da cidade. Establecerase un carril único de circulación, en dirección saída da cidade; as beirarrúas levarán un tratamento de formigón similar ao que se instalou na rúa Arcebispo Malvar e na Ponte do Burgo en conexión coa avenida da Coruña.

Tamén se renovará a iluminación e o mobiliario coa creación de zonas de estancia diante do colexio Salvador Moreno e outra na ligazón coas rúas Licenciado Molina e Benito Vicetto. Ademais, reordenarase a rúa Simón Bolívar ata a Casa do Mar cun tratamento específico para a zona situada debaixo da ponte da autoestrada, cunha zona verde que se estenderá ata o novo aparcamento situado onde se atopa o parque de educación viaria.