O Concello de Ponte Caldelas adxudicou á empresa Asfalgal Técnicas Viarias SL por 111.986 euros (IVE non incluído) a obra da mellora integral da estrada interior de Vilarchán.
A obra pretende mellorar as comunicacións dos veciños de Vilarchán, Contixe e Mirón, por este vial que no seu quilómetro e medio de lonxitude presenta numerosas fochancas e deficiencias de seguridade vial.
O proxecto contempla ampliar a sección viaria en todos os tramos que sexa posible, a limpeza de todas as marxes, a aplicación de nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor, a recolocación de todas as tapas de rexistro, o pintado da sinalización vial e a colocación de sinalización vertical, a construcción de cunetas en formigón e a realización de novas canalizacións de pluviais.
Ademais, colocaranse varios reductores de velocidade e pecharase a perigosa intersección coa PO-532 que se atopa en plena curva e que presenta escasa visibilidade, onde xa se produciron en diversas ocasións accidentes con feridos.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destaca a importancia desta obra pois é "unha demanda veciñal histórica que a Xunta de Galicia non atendeu mentres foi titular do vial e que agora solventará o Concello".
Andrés Díaz entende que "os veciños non teñen porqué asumir a deixadez de funcións da Xunta" e por iso o Concello solicitou a transferencia do vial "e, tal e como se comprometera, levará a cabo o seu arranxo este mesmo ano".