O proxecto de mellora da praia da Carabuxeira, en Sanxenxo, está cada vez máis próximo. O goberno local xa ten nas súas mans o proxecto definitivo, que está valorado en 1.929.914 euros e contempla un prazo de execución das obras de 12 meses.
O proxecto contempla a achega de 24.500 metros cúbicos de area similar á que xa se trouxo para a praia de Silgar e que procedía da desembocadura do río Mondego en Foz, Portugal. Con esta medida, a praia poderá recuperar as condicións que tiña no ano 1975.
Ademais, o proxecto incorpora unha solución definitiva para evitar futuras perdidas da area polo efecto das mareas e correntes, segundo deu a coñecer o Concello a través dun comunicado.
O proxecto propón a recuperación dun tramo da costa do que ata agora só podían gozar os propietarios das vivendas que hai encima da praia coa construción dun paseo marítimo de 360 metros de longo e tres metros de ancho co mobiliario propio dunha infraestrutura deste tipo, isto é, varanda, bancos, farois e papeleiras.
Para poder facer realidade este paseo marítimo o goberno está a xestionar cos propietarios a cesión do espazo necesario.
Ademais, a execución deste paseo leva a mellora de todos os accesos que ten a praia, os tres que son públicos e os nove accesos privados que utilizan as vivendas particulares. Tamén propón a construción de dous diques aproveitando a configuración dos baixos rochosos da praia, unha solución que garante a contención da area e á vez supón o menor impacto posible.
O proxecto será realizado entre as administracións local, autonómica e estatal. O Concello encargarase da achega de area e a cesión dos terreos necesarios para facer o paseo marítimo. Portos de Galicia construirá os diques para evitar futuras perdas da area e, por último, a construción do paseo marítimo, realizaríaa a Dirección Xeral de Costas a través dun convenio entre o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello de Sanxenxo.