Así foi o primeiro día de peche de bares e restaurantes

Pontevedra
08 de novembro 2020

En Pontevedra foi unha xornada de contrastes con moita actividade nas rúas pola mañá, con supermercados e tendas cheas, e unha tarde de paseos, compras pero sen cervexas nin terraceo 

Peche da hostalería
Peche da hostalería / Cristina Saiz

Este sábado foi o primeiro dos 30 días de peche forzoso de bares e restaurantes en sesenta concellos galegos.

En Pontevedra foi unha xornada de contrastes con moita actividade nas rúas pola mañá, con supermercados e tendas cheas, e unha tarde de paseos, compras pero sen cervexas nin terraceo.

A choiva contribuíu a adiantar o toque de queda e pronto quedaron baleiros e en silencio os espazos públicos da cidade, especialmente no centro histórico.

Apreciouse un constante ir e vir das motos de repartición de pedidos, fundamentalmente de pizzas.

Poucos bares permaneceron abertos para atender os servizos a domicilio e despachar consumicións para levar. As panaderías con servizo de cafetería teñen máis experiencia na venda de cafés para consumir fóra do local e mesmo viron como onte crecía a demanda.

O resto improvisaron mostradores á porta do establecemento pero xa admiten que desistirán no seu empeño despois desta primeira xornada na que o traballo non alcanzou para cubrir gastos.