Así será o paso dos Reis Magos por Pontevedra

Pontevedra
02 de xaneiro 2019

Pontevedra prepárase para a chegada das súas Maxestades de Oriente e para a cabalgata na súa honra que se celebrará o vindeiro sábado 5 de xaneiro. Coñece os detalles do percorrido e as agrupacións participantes na marcha

Recepción dos Reis Magos no Pazo de Mugartegui
Recepción dos Reis Magos no Pazo de Mugartegui / Mónica Patxot

Os nenos e nenas esperan con ilusión a chegada dos Reis Magos, e tamén Pontevedra prepárase para unha visita moi especial.

As súas Maxestades de Oriente terán unha xornada de moita actividade o vindeiro sábado 5 de xaneiro, empezando pola recepción oficial ofrecida polo Concello na Praza de Mugartegui, e que terá lugar ás 11:00 horas.

Será só un aperitivo á espera do prato forte, a tradicional Cabalgata de Reis que partirá ás 18:00 horas desde a rúa José Malvar.

O percorrido da marcha transcorrerá a partir desa hora polas rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina e Michelena ata chegar á Praza de España.

Nesta ocasión serán 6 as carrozas participantes, entre elas as tres dos Reis, xunto a unha comitiva de preto de 300 persoas.

Os grupos e carrozas participantes serán: Charanga Airiños de San Martiño, cabalos, carroza Cobra, Pavos Reais, Charanga Charandonga, malabaristas de altura, carroza do mar, a galiña dos ovos de ouro, Dúos Pontes, Stean Punk, carroza do Rei León, o bosque animado, grupo 'Pola vila', pastores, camelos, carboeiros, carroza do Rei Melchor, pelotóns xigantes, boneco de neve, ratos chocolateiros, carroza do Rei Gaspar, Flamentos, os Fruitis, a maxia do circo dos reis, Os afoutes do canón de Pau, carroza do Rei Baltasar e Pupets.