Así serán as trece novas vivendas de promoción pública na Rúa das Devesas

Pontevedra
23 de xuño 2026

O inmoble, que se construirá nunha parcela cedida polo Concello, contará con soto, planta baixa, tres plantas altas e un baixo cuberta e terá garaxes, rochos e dous locais comerciais

Proxecto para as trece vivendas públicas da Rúa das Devesas

Case 2,6 millóns de euros investirá a Xunta de Galicia na construción dun novo edificio de promoción pública na Rúa das Devesas, en Pontevedra.

Alí, nun terreo cedido polo Concello, haberá trece vivendas.

O inmoble contará con soto, planta baixa, tres plantas altas e un baixo cuberta e terá garaxes, rochos e dous locais comerciais.

A distribución de edificio prevé, na planta soto, un rocho e 13 prazas de garaxe, e na planta baixa, os dous portais de acceso, un almacén de residuos, locais de instalacións, un centro de transformación e dous locais comerciais.

Nas plantas 1ª a 3ª, haberá, en cada planta, tres vivendas de dous dormitorios e unha vivenda de tres dormitorios. 

Proxecto para as trece vivendas públicas da Rúa das DevesasXunta de Galicia

Ademais, na planta baixo cuberta haberá unha vivenda de tres dormitorios e doce rochos. 

Para acceder a estas vivendas será requisito imprescindible estar inscritos no rexistro único de demandantes de vivenda para o concello de Pontevedra como municipio preferente e residir ou traballar neste municipio.

Tamén deberán carecer de vivenda en propiedade e acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial.

Os adxudicatarios serán elixidos mediante sorteo ante notario.

En Pontevedra a Xunta ten en marcha, en distintas fases de desenvolvemento un total de 306 vivendas de promocion pública, incluíndo xa este edificio na Rúa das Devesas.