Asignan 1,8 millóns de euros en equipamento de alta tecnoloxía para o novo Hospital Montecelo

Pontevedra
16 de xaneiro 2025

As empresas interesadas en participar no proceso de licitación de cabeceiros suspendidos e columnas cirúrxicas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 13 de febreiro

Obras no novo Montecelo
Obras no novo Montecelo / Mónica Patxot

O novo Hospital Montecelo de Pontevedra, que se agarda estea en funcionamento no verán deste 2025, dá un novo paso coa licitación de equipamento médico de última xeración por valor de 1,8 millóns de euros.

O investimento da Xunta de Galicia céntrase na adquisición de 40 cabeceiros suspendidos de altas prestacións e 36 columnas cirúrxicas.

Este material resulta imprescindible para permitir aos profesionais sanitarios dispoñer de tomas de gases, conexións eléctricas e de datos á beira do paciente, ademais de facilitar a instalación de equipos de soporte vital.

Os cabeceiros de altas prestacións, cunha partida superior a 1,1 millóns de euros, distribuiranse estratexicamente polo centro hospitalario: 25 unidades destinaranse ás diferentes Unidades de Coidados Intensivos (UCI, UCIN e UCIP), 12 ás unidades de Reanimación, e 3 ao servizo de Urxencias.

No que respecta ás columnas cirúrxicas, o investimento supera os 670.000 euros e contempla a instalación de 13 columnas de anestesia, 12 de cirurxía e 11 de endoscopia.

As columnas cirúrxicas e de anestesia permanecerán situadas nos quirófanos, mentres que as de endoscopia serán instaladas nas salas de intervencionismo.

As empresas interesadas en participar no proceso de licitación teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 13 de febreiro, segundo informa o Portal de Contratos Públicos de Galicia.

O expediente inclúe tamén a dotación dunha columna de anestesia adicional para a nova sala de intervencionismo de CPRE, técnica que combina raios X e endoscopia, situada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Nas últimas horas tamén se sacaba a licitación a central de esterilización do novo edificio do Hospital Montecelo.