A CIG, CCOO, UXT e as federacións de comercio da Confederación de Empresarios/as de Pontevedra (CEP) asinaron este mércores o convenio colectivo provincial do comercio vario, que afecta a máis de 12.000 persoas traballadoras e que incorpora unha serie de melloras laborais.
O documento, que regula os sectores téxtil, calzudo e pel e bazares, terá vixencia durante cinco anos, de 2025 a 2029.
O convenio fixa incrementos retributivos que oscilan entre o 3% e o 12% segundo as categorías profesionais, cunha subida bruta de soldo. Ademais, introduce unha revisión salarial anual con caracter retroactivo si o IPC supera o 3% en cada un dos anos de vixencia.
Entre as novidades, establécese unha equiparación de salarios entre o catro sectores e 20 minutos de tempo de descanso efectivo.
Equipárase tamén o prezo das horas extras en festivos e domingos, fixándose no 100% e o 125%, segundo o tipo de xornada. Ademais, o plus de transporte pasará a salario base a partir de 2027, que se repartirá nas 16 pagas fixadas no convenio.
A efectos de promoción profesional, o convenio considera antigüidade o tempo total de prestación de servizos na empresa, incluíndo contratos temporais sucesivos, sexa cal for a súa modalidade ou duración. Unha vez superados os anos de antigüidade, a persoa traballadora terá dereito a optar á promoción de categoría prevista.
En canto á xornada, márcanse tanto as quendas de mañá (de 7:00 a 15:00 horas) como os de tarde (de 14:00 a 22:00), matizando que se entende por xornada continuada e por xornada partida.
Así mesmo, as persoas traballadoras poderán solicitar a redución de xornada voluntaria. En empresas de máis de 75 persoas traballadoras, a empresa estará obrigada a aceptar a petición, até un límite do 20% do plantel.
Tamén pactaron unha mellora na redución de xornada, pasando a gozar de 18 sábados de descanso ao ano, ademais do catro días de libranza por asuntos propios.
O texto tamén recolle aumento do prezo da hora traballada os días 24 e 31 de decembro (8 euros por hora a partir das 15:00 até o peche do establecemento; as baixas por Incapacidade Temporal (IT) abonaranse ao 100% desde o primeiro día; equipásese o permiso de casamento ás parellas de feito e amplíase o permiso por falecemento até incluír a parentes de terceiro grao, así como o permiso de saída ao médico, tanto para público, privado, ou para calquera especialista.
O convenio tamén incorpora un protocolo LGTBI+ e unha disposición adicional que establece que o texto provincial configúrase como norma de referencia no seu ámbito funcional e territorial, "en atención á adecuación ás características específicas do tecido comercial, económico e social da provincia".
As partes asinantes rexeitan calquera intento de centralización da negociación colectiva que implique unha homoxeneización "á baixa" das condicións laborais e reafirman o papel do convenio como garantía de dereitos e equilibrio para o sector.
Desde a CIG-Servizos, a pesar de valorar positivamente o contido do convenio, mostraron a súa "preocupación" de que o texto non sexa publicado antes do convenio estatal de ARTE, porque de non ser así non sería de aplicación e, por tanto, "perderíanse todos os avances conseguidos", advertiron.
A central sindical adiantou que continuará defendendo a necesidade dun acordo marco de comercio que impida que os convenios estatais poidan rebaixar as condicións laborais.
Neste sentido, denunciaron que o preacordo alcanzado entre CCOO e Fetico está a causar un "dano irreparable" ao sector, ao prever a redución de dereitos e a perda de condicións xa consolidadas. "Faremos todo o posible por lograr un acordo canto antes para preservar as condicións laborais e os dereitos", sinalaron.