As persoas que este próximo domingo 12 de xullo teñan previsto gozar do concerto de Juan Luís Guerra no campo de fútbol de Baltar poderán acudir sen necesidade de coller vehículos particulares e facendo uso dos autobuses lanzadeira gratuítos que dispuxo o Concello de Sanxenxo.
Trátase dunha das medidas do plan de tráfico previsto pola administración local para facilitar o acceso ao recinto sen provocar atascos nas principais vías de entrada e saída a Sanxenxo e Portonovo.
Desde as 18.00 horas estarán operativos estes autobuses con saída na parada de bus do parque empresarial de Nantes - próxima ao Hiper Nantes -, e destino na rotonda de Baltar, a escasa distancia do campo de fútbol no que se celebra o concerto.
Desde esa mesma rotonda, os buses lanzadeira recollerán usuarios ao terminar o espectáculo, a partir das 02.00 horas, de regreso ao parque empresarial.
Lémbrase que a chaira exterior do campo de fútbol de Baltar estará pechada ao tráfico desde as 07.00 horas do domingo por motivos de seguridade. Ao mesmo tempo recoméndase non esperar ás últimas horas para acudir, sexa a Sanxenxo ou Portonovo como ao campo de Baltar, senón que se faga gradualmente. As portas do recinto deportivo estarán abertas desde as 18.00 horas.
O concerto, que comezará ás 21.00 horas, ofrece tamén a actuación de Elvis Crespo e do dúo Gente de Zona. O Concello estima unha asistencia de 16.000 persoas.
Até 61 efectivos da Policía Local, en quenda de tarde e noite, estarán operativos para regular o tráfico e igualmente traballar na seguridade cidadá.