A Asociación Museo do Mar de Marín foi recoñecida co Premio Liberación 2026, un galardón que o Concello concede cada ano a persoas ou entidades que destacan polo seu labor cultural, educativa ou social en favor do municipio.
O xurado valorou o compromiso da entidade coa identidade mariñeira, o seu labor na recuperación do patrimonio material e inmaterial, a difusión dos valores ligados ao mar e a súa capacidade para conectar coas novas xeracións.
O fallo deuse a coñecer tras a reunión celebrada esta tarde no propio Concello, diante dun xurado composto pola alcaldesa, María Ramallo; a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín; o representante do PSdG, Manuel Pazos; o impulsor do Día da Liberación, Manuel Torres Viqueira; e o xornalista e cronista local, Julio Santos Pena.

A Asociación Museo do Mar destaca por unha intensa actividade anual, con visitas guiadas de centros educativos, exposicións, conferencias, homenaxes e proxectos como o Festival de Cine do Mar, que alcanza xa a súa terceira edición.
Este certame combina proxeccións con actividades paralelas, como showcookings con produtos do mar, a Xuntanza Mariñeira ou visitas a puntos como as illas de Ons, Tambo ou San Simón.
Ademais, a entidade rende homenaxe cada ano ás mulleres e homes do mar na antiga dársena de chalanas do Porto, á vez que amplía e protexe a súa colección de pezas marítimas no museo situado na Rúa Concepción Areal.
Por todo iso, o xurado considera que o recoñecemento está "sobradamente xustificado" polo papel "esencial" que desempeña a asociación a nivel cultural, educativo, científico e investigador.
Os actos de conmemoración do Día da Liberación, en recordo da fazaña de Juan Gago de Mendoza e as Alarmas do Morrazo ao recuperar as costas das tropas francesas, celebraranse este ano despois de Semana Santa, xa que o 4 de abril coincide co Sábado Santo.
Como é tradición, iniciaranse cunha ofrenda floral ante o monólito de Serafín Tubío, para dar paso ao acto de entrega do Premio Liberación, que terá lugar no Museo Municipal Manuel Torres.