ASPACE invita os pontevedreses a que "vengan a dar una vuelta" para concienciar sobre a paralise cerebral

Pontevedra
03 de xullo 2014

Pontevedra xogará un papel moi importante o próximo domingo no camiño cara a visibilizar as persoas con paralise cerebral: acollerá a primeira 'Marcha sobre Rodas' organizada por ASPACE Galicia. Para ir quentando motores, este xoves varios colectivos dos que participarán na actividade adestráronse e probaron de que forma se poderán mover sobre dúas rodas polo centro da cidade

Nova bicicleta adaptada de ASPACE durante o día de adestramento para a 'Marcha sobre Rodas'
Nova bicicleta adaptada de ASPACE durante o día de adestramento para a 'Marcha sobre Rodas'

Pontevedra xogará un papel moi importante o próximo domingo no camiño cara a visibilizar as persoas con paralise cerebral e concienciar á sociedade sobre a necesidade de que as cidades sexan accesibles para persoas con algunha discapacidade ou que se moven sobre dúas rodas. Acollerá a primeira 'Marcha sobre Rodas' organizada por ASPACE Galicia e, para ir quentando motores, este xoves varios colectivos dos que participarán na actividade adestráronse e probaron de que forma se poderán mover sobre dúas rodas polo centro da cidade.

Sergio é un dos usuarios de ASPACE Pontevedra e o domingo será un dos speakers da marcha. Este xoves quixo a animar a todos os pontevedreses a que "vengan con nosotros a dar una vuelta", un paseo no que xa hai confirmados máis de 200 asistentes chegados dende toda Galicia, pero que é aberto a toda a cidadanía e a organización descoñece a cifra final de participantes.

O domingo será "un día de ocio" co que, segundo explica Sergio, "queremos demostrar que todas las personas, tengamos unas limitaciones u otras, podemos hacer actividades juntas". ÿ por iso polo que fan un chamamento global aos pontevedreses e a persoas que participen usando dende bicicletas a patíns, monopatíns, cadeiras de rodas, carriños de bebé ou persoas a pé.

Pontevedra é unha cidade que "nos da mucha seguridad" ás persoas con parálise cerebral e con dificultades de mobilidade porque conta con moitas zonas completamente accesibles e polo centro histórico hai rúas nas que non circulan coches. Coa marcha deste domingo, os usuarios de ASPACE demostrarán que "todos podemos usar la ciudad y las bicis".

A actividade intégrase na programación organizada por ASPACE con motivo do Ano Galego da Parálise Cerebral e sairá dende a avenida de Monteiro Ríos pasando pola praza de España, Arcebispo Malvar, Serra, Mugartegui, Pasantería, o Paseo de Odriozola e Michelena. Como remate, haberá unha comida popular na praza da Pedreira con tapa de polbo a 7 euros.

Entre os participantes haberá colectivos participantes do programa Hefesto do Concello de Pontevedra. Todos eles se adestraron este xoves xunto a políticos como os concelleiros Miguel Filgueira e Demetrio Gómez e tiveron a oportunidade de probar a nova bicicleta adaptada de ASPACE-Galicia.

 Este vehículo de dúas rodas está financiado pola Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, no marco dun programa social orientado a financiar proxectos que promoven a integración social de colectivos en risco de vulnerabilidade e exclusión, así como os máis innovadores.