Ata 3.000 euros de multa para as fincas sen limpar de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
18 de abril 2017

Ter a finca sen limpar en Ponte Caldelas pode saírlle moi caro aos seus donos. O goberno municipal recorda que, desde o pasado mes de xaneiro, está en vigor unha ordenanza que fixa sancións de ata 3.000 euros de multa para aquelas persoas que incumpran a súa obriga

Traballos de roza nos camiños rurais de Ponte Caldelas
Traballos de roza nos camiños rurais de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Ter a finca sen limpar en Ponte Caldelas pode saírlle moi caro aos seus donos. O goberno municipal recorda que, desde o pasado mes de xaneiro, está en vigor unha ordenanza que fixa sancións de ata 3.000 euros de multa para aquelas persoas que incumpran a súa obriga.

A nova ordenanza céntrase nas competencias municipais, que se cinguen ao centro urbano e ao solo de núcleo rural, mentres que a superficie rústica ou forestal é competencia da Xunta de Galicia. A normativa obriga á limpeza destas parcelas antes do 30 de xuño de cada ano.

O Concello notificará aos propietarios das fincas en situación de risco cando teña constancia dos feitos. En caso de non atender a orde de execución no prazo máximo de un mes, ábrese a vía ao expediente sancionador. O importe dependerá da gravidade da situación.

Nos casos en que se estime oportuno, en atención á desobediencia ou á situación de risco producida, iniciarase a vía da execución subsidiaria, pola que se limpará con medios municipais e se repercutirá a factura, ademais da multa, aos infractores.

A ordenanza afecta tamén a unha franxa de 50 metros ao redor do solo urbano e de núcleo rural, onde será necesario manter o solo limpo de broza e vexetación descontrolada e queda tamén prohibida a plantación de árbores de especies que propaguen o lume con facilidade, como o eucalipto, a mimosa e outras. Esta circunstancia afecta especialmente ás comunidades de montes.

Andrés Díaz explicou que esta Semana Santa producíronse xa varios conatos de incendios, especialmente en Baltar e na Reigosa, que tiveron que ser atendidos pola brigada municipal e foron sufocados co uso do vehículo motobomba do parque municipal. O perigo irá en incremento a medida que avance a primavera e coa chegada do verán.

Ademais, o goberno municipal está a recibir numerosas queixas e denuncias de veciños con bens inmobles pegados a fincas nas que a broza creceu de xeito descontrolado, xerando así un risco potencial.

Dende o Concello sublíñase que non hai afán recadatorio ningún e, por este motivo, publicarase un bando volvendo a informar á veciñanza antes de iniciar a apertura dos procedementos sancionadores. Non obstante, engade o alcalde, unha vez concluído o prazo previsto na ordenanza e notificados os responsables as sancións serán imparables.

Por outra banda, o propio Concello comezou a súa campaña de limpeza anual das marxes dos camiños municipais e todos os espazos públicos. É un operativo de corta e retirada de vexetación, con medios exclusivamente manuais e sen uso de herbicidas, que se vai desenvolver durante os próximos tres meses.