Ata o 15 de outubro permanece aberto o prazo para presentar traballos académicos aos Premios Sofía Novoa

Pontevedra
03 de outubro 2021

É a sexta edición destes premios que recoñecen a perspectiva de xénero en Traballos Fin de Grao ou Fin de Máster nos campus da Universidade de Vigo. As solicitudes poden presentarse na Deputación de Pontevedra

Convocatoria dos Premios Sofía Novoa
Convocatoria dos Premios Sofía Novoa

Alumnado que realiza os seus Traballos Fin de Grao ou Fin de Máster nos campus da Universidade de Vigo na provincia contan coa oportunidade de presentarse á sexta edición dos Premios Sofía Novoa, que promove a Deputación de Pontevedra.

Estes premios pretenden que se incorporen principios de igualdade nos traballos académicos para fomentar o benestar na sociedade, sempre a través da investigación e a análise.

O prazo para presentar os traballos na sede da Deputación finaliza o 15 de outubro. Como en edicións anteriores establécense tres galardoes por categoría, dous premios e un accésit, cun total de 5.200 euros que se repartirán entre os traballos.

Un xurado analizará a calidade das propostas presentadas, a relevancia e o carácter innovador da temática e a aplicabilidade práctica das achegas que se realicen. 

Estes premios buscan, ademais, recoñecer publicamente á figura de Sofía Novoa, unha muller que foi silenciada pola historia. Novoa era unha pedagoga viguesa que loitou para que as mulleres  ocuparn os espazos públicos e promoveu un pioneiro programa que permitiu que numerosas mulleres accedesen á educación.