Ata once empresas presentan ofertas para executar a senda peonil entre o Vinquiño e Contumil

Sanxenxo
11 de xuño 2023

Con esta actuación, que suporá un investimento total de 180.000 euros, búscase resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible nesa zona do municipio de Sanxenxo

Obras no vial O Vinquiño - Contumil
Obras no vial O Vinquiño - Contumil / Concello de Sanxenxo

A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para executar as obras da senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, entre O Vinquiño e Contumil, no concello de Sanxenxo.

Con esta actuación, que suporá un investimento total de 180.000 euros, búscase resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible nesa zona.

A previsión é adxudicar as obras no verán co obxectivo de inicialas no outono e rematalas entre finais deste ano ou principios de 2024.

Os actos expropiatorios están xa convocados, fixándose o levantamento de actas previas para o vindeiro día 20 de xuño e a formalización das actas de ocupación o 19 de setembro.

A intervención incluirá a dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos e a colocación de xardineiras no treito paralelo á PO-504.