Ata setembro presentáronse 1.680 denuncias por malos tratos na provincia

Pontevedra
30 de xaneiro 2015

O ano pasado a lacra da violencia de xénero supuxo a morte de seis mulleres en Galicia e os xulgados ditaron ordes de protección, medidas cautelares e ordes de afastamento sobre 816 mulleres, 187 menos que no ano 2013

Campaña da Secretaria de Igualdade
Campaña da Secretaria de Igualdade

Segundo os datos actualizados do Consello Xeral do Poder Xudicial, o número de denuncias por malos tratos presentadas ata finais de setembro, ascenden a 1.680 na provincia de Pontevedra. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, deu conta destes datos este venres nunha rolda de prensa.

O ano pasado a lacra da violencia de xénero supuxo a morte de seis mulleres en Galicia e os xulgados ditaron ordes de protección, medidas cautelares e ordes de afastamento sobre 816 mulleres, 187 menos que no ano 2013.

O servizo telefónico de atención a protección móvil para vítimas da violencia de xénero (ATENPRO), atendeu a un total de 443 mulleres.

Grazas ao sistema de seguemento de agresores por medios telemáticos das medidas de afastamento, foron controlados 24 agresores con sistemas telemáticos para asegurar o cumprimento da orde.

O programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero e para os menores, así como outras persoas dependentes que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero, atendeu 252 mulleres, 93 menores e 10 persoas dependentes. E mediante o programa Abramos o círculo, de atención psicolóxica a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella atenderonse a 93 homes, 14 máis que no ano 2013.

Ademáis López Abella fixo balance das axudas e recursos postos a disposición das vítimas de violencia de xénero durante o ano pasado, destacando que no 2014 atendéronse todas as solicitudes de axudas económicas a mulleres vítimas de violencia de xénero que cumprían os requisitos.