A actividade administrativa do Concello de Sanxenxo viuse este luns seriamente afectada por un ataque informático.
Foi durante a mañá cando se tivo constancia nas dependencias municipais da entrada dun malware na rede local, un 'virus' que logrou paralizar os equipos informáticos da Casa Consistorial.
Este malware desencadeou unha encriptación masiva de documentos, impedindo aos funcionarios acceder a miles de arquivos.
Tras detectarse a incidencia pronto pasou a converterse nunha extorsión, xa que os responsables solicitaron un pago 5.000 dólares en bitcoins a cambio da clave para liquidar o problema.
Segundo informa o Concello de Sanxenxo descartouse esta opción, optándose por interpor a pertinente denuncia ante a Garda Civil.
Paralelamente os servizos técnicos e de seguridade recorreron á copia de seguridade que cada día replica o sistema informático do Concello na busca de poñer unha rápida solución.
Prevese de feito, segundo o goberno local, que a incidencia poida quedar liquidada "nas próximas horas".
O ataque informático non afectou á sede electrónica da administración local e tampouco ás empresas municipais Nauta e Turismo de Sanxenxo, que dispoñen dunha rede diferente á do Concello.