Atopan un puñal de antena no xacemento do Monte do Castro

O Salnés
17 de novembro 2017

A peza situaríase entre os séculos II ou I a.C. segundo a tipoloxía do obxecto e o contexto no que se atopou esta espada, xa que estaba pegada ao muro dunha cabana

Mango dunha espada, tamén chamada puñal de antena
Mango dunha espada, tamén chamada puñal de antena

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta este venres en rolda de prensa que o equipo de arqueoloxía da institución provincial vén de achar o mango dunha espada, tamén chamada puñal de antena, no xacemento galaico-romano do Monte do Castro, en Ribadumia.

É unha peza de ferro, o que resulta singular xa que non é o material que se empregaba habitualmente para este tipo de empuñaduras, que normalmente se realizaban en bronce.

A peza, deste xeito, situaríase entre os séculos II ou I a.C. segundo a tipoloxía do obxecto e o contexto no que se atopou esta espada, xa que estaba pegada ao muro dunha cabana.

Este achado produciuse durante os traballos de restauración da parte alta do xacemento, a croa ou acrópole, de sete cabanas e un tramo da muralla de 25 metros.

Estas actuacións forman parte do protocolo asinado entre a institución provincial e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia.