As obras de reforma urbana que o Concello está a executar en Loureiro Crespo e o barrio do Castañal non terminarán ata o próximo mes de novembro, catro meses máis tarde do previsto no último prazo. Así o confirmou a portavoz do goberno municipal.
Anabel Gulías explicou que a empresa pediu unha prórroga de catro meses para terminar estes traballos, ante certas dificultades que se atoparon na execución.
A principal, que a instalación das redes de telecomunicacións estaba nunha zona "moi superficial" da rúa, polo que se optou por manter os dous quilómetros de fibra óptica despregada para non incrementar demasiado o custo das obras.
Isto obrigou a que, nalgunhas zonas, tívose que facer un traballo "case de arqueoloxía" para non danar estas redes, evitando o uso de grandes pas para levantar as beirarrúas, mover o terreo e colocar o novo pavimento.
"Agardamos que as obras rematen o antes posible", sinalou Gulías, que agradeceu a "paciencia" de veciños e comerciantes deste barrio polo atraso que acumulan as obras.
Os traballos están a centrarse actualmente no tramo máis alto de Loureiro Crespo e, por agora, non está previsto que se poida inaugurar algunha fase xa terminada desta reforma.
As "dificultades" engadidas á execución desta obra conlevarán, segundo a portavoz municipal, algún "sobrecusto" no orzamento desta reforma integral.