'Atrévete a pensar' ofrece un roteiro para descubrir os espazos agochados da cidade

Pontevedra
07 de xullo 2021

O primeiro percorrido partirá do Mercado de Abastos e rematará fronte ao mural adicado a Amalia Álvarez o 13 de xullo. Nesta visita reflexionarase sobre o feminismo e a súa pegada en diversos lugares de Pontevedra

Presentación dos roteiros 'Atrévete a pensar' por parte da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e os promotores culturais Cora Velasco e César Tato
Presentación dos roteiros 'Atrévete a pensar' por parte da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e os promotores culturais Cora Velasco e César Tato / Cristina Saiz

O programa Efecto PO2 de promoción da cidade de Pontevedra amplía as súas actividades cunha novidosa proposta para que a veciñanza coñeza, dun xeito diferente, o lugar que habita.

Anabel Gulías, a concelleira de Promoción da Cidade, presentaba este mércores as actividades que formarán parte dos roteiros 'Atrévete a pensar', acompañada por Cora Velasco e César Tato, os promotores culturais que se encargaron de deseñar o proxecto en coordinación co Concello de Pontevedra.

Segundo explicaba a concelleira, a cidade ten uns recursos turísticos que son moi coñecidos e que atraen aos visitantes, pero faltaba unha ollada a outros lugares máis agochados pero que teñen unha historia detrás. Trátase de "descubrir os espazos de sempre pero reinterpretándoos", manifestaba Anabel Gulías.

As rutas de 'Atrévete a pensar' desenvolveranse os días 13, 15, 22, 27 e 29 de xullo de 20:00 a 21:30 horas.

Cora Velasco avanzaba que o primeiro percorrido partirá do Mercado de Abastos e rematará fronte ao mural adicado a Amalia Álvarez. Nesta xornada, reflexionarase sobre o feminismo. "Pretendemos que os asistentes participen dun xeito crítico preguntándose o porqué das cousas", afirmaba Velasco. Esta ollada diferente complementarase cun debate como peche dunha visita que en todo momento será dialogada e convidando a reinterpretar o espazo e a nosa maneira de estar nel. Neste sentido, dentro do equipo multidisciplinar que preparou este proxecto "dende hai dous anos" foi fundamental "a aportación de César Tato, o meu compañeiro nesta iniciativa, que estudou filosofía", apuntaba Velasco.

Ademais do feminismo, este "reenfoque da cidade" abordará outros dous puntos de vista: a ecoloxía e a loita contra o cambio climático e a consideración do espazo público como un dereito da cidadanía.

A reserva de praza para os roteiros 'Atrévete a pensar' pode facerse a través do correo electrónico [email protected], onde tamén se facilitará a información que se precise. As visitas son gratuítas e contarán con todas as normas de seguridade en función da situación sanitaria.

ROTEIROS E DATAS

•    Roteiro "En pé de igualdade": 13 e 15 de xullo de 20h a 21.30h.
•    Roteiro "Pensa en verde": 20 e 22 de xullo de 20h a 21.30h. (actividade orientada a familias)
•    Roteiro "O noso": 27 e 29 de xullo de 20h a 21.30h.