A investigación xudicial sobre a morte de Manuela Barbosa, a veciña de Redondela desaparecida en 2021 e localizada sen vida tres anos despois nunha leira de Arcade, queda arquivada polo momento.
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, confirmou a decisión adoptada previamente polo Xulgado de Instrución número 2 de Redondela de decretar o sobresemento provisional da causa ante a ausencia de indicios que permitan identificar a un responsable.
O caso cobrara unha nova dimensión tras o achado do cadáver en 2024, cando os resultados da autopsia apuntaron unha morte violenta.
Os forenses concluíron que a muller faleceu tras recibir varios impactos na cabeza provocados por un obxecto contundente, o que levou a investigar os feitos como un posible homicidio.
Con todo, despois de anos de pescudas e numerosas dilixencias practicadas tanto pola Garda Civil como pola autoridade xudicial, os investigadores non lograron reunir probas suficientes para atribuír a autoría do crime a ningunha persoa.
Esa falta de avances levou ao xulgado a ordenar o arquivo provisional das actuacións o pasado 2 de decembro de 2025.
A familia da vítima recorreu a decisión ao considerar que a investigación non estaba esgotada. No seu escrito defendía que o peche do procedemento produciuse de forma precipitada e reclamaba novas declaracións de achegados, coñecidos da falecida e axentes policiais co obxectivo de contrastar a información recollida nos atestados.
No entanto, a Audiencia Provincial apoia agora a postura mantida polo xulgado e pola Fiscalía. Os maxistrados entenden que as dilixencias reclamadas carecen de utilidade práctica para esclarecer os feitos, xa que moitas desas persoas xa prestaran declaración durante a fase policial e non existe indicio algún de que unha nova comparecencia poida achegar datos relevantes.
Na súa resolución, o tribunal lembra ademais que o dereito á tutela xudicial efectiva non implica a obrigación de manter aberta unha investigación de forma indefinida nin de practicar actuacións cando non existe unha expectativa razoable de obter novos elementos de proba.
Con este pronunciamiento, contra o que non cabe recurso ordinario, a Audiencia ratifica o arquivo dunha causa que durante anos mantivo en albas á comarca e que, a pesar da confirmación dunha morte violenta, continúa sen autor coñecido.