O cambio climático xa está a deixar pegada en Galicia a través de episodios de calor máis temperáns, períodos de seca máis prolongados e unha maior irregularidade nas precipitacións.
Esta situación está a afectar aos recursos hídricos e pon de manifesto a necesidade de facer un uso máis consciente da auga.
Ante este contexto, Espina & Delfín, empresa responsable da xestión do servizo municipal de abastecemento, e o Concello de Sanxenxo poñen en marcha unha nova edición da campaña de sensibilización sobre aforro de auga, baixo o lema "A auga non é infinita. Consúmea con cabeza".
A iniciativa combinará accións informativas e comunicación a través de canles dixitais co obxectivo de achegar á cidadanía recomendacións prácticas para reducir o consumo diario e contribuír á protección do ciclo integral da auga.
A campaña incide na importancia dos pequenos xestos cotiáns, lembrando que decisións individuais como pechar a billa mentres se lavan os dentes ou os pratos, priorizar a ducha fronte ao baño, evitar prolongala máis do necesario ou empregar a lavadora e o lavalouzas cando estean completamente cheos poden supoñer un importante aforro.
Tamén se recomenda revisar as instalacións domésticas para detectar posibles fugas, reparar billas que pinguen e incorporar dispositivos que axuden a reducir o caudal e evitar perdas innecesarias.
Coa chegada do verán, a mensaxe céntrase tamén nos usos máis habituais desta época, como o enchido das piscinas, a limpeza dos vehículos ou o rego dos xardíns.
Desde a campaña pídese realizar estas actividades de maneira responsable, evitando as horas de maior calor e aproveitando ao máximo cada litro consumido.
Ademais, no caso das vivendas que queden baleiras durante as vacacións, a recomendación é pechar a chave de paso para previr posibles fugas ou avarías que poidan pasar desapercibidas.
Espina & Delfín e o Concello de Sanxenxo lembran que a protección da auga depende da suma de moitas accións individuais e que o aforro doméstico é unha ferramenta fundamental para afrontar un escenario no que este recurso é cada vez máis limitado e vulnerable.