Augas de Galicia multa a Caldas con 1.500 euros pese a recoñecer que o seu escenario acuático non supuxo "dano ningún"

Umia
11 de febreiro 2025
Actualizado: 17:27

Manuel Fariña explica que a proposta de resolución do expediente cualifica a infracción como “leve” e insiste en que o Concello cumpriu "escrupulosamente" con todos os requirimentos da Xunta

Concerto durante as festas de verán de Caldas
Concerto durante as festas de verán de Caldas / Concello de Caldas de Reis

O escenario acuático instalado polo Concello de Caldas de Reis no río Umia durante as festas do pasado verán acaban de derivar nunha sanción de 1.500 euros. 

Augas de Galicia impuxo esta sanción ao Concello por unha infracción "leve" e desde o Concello cuestionan que se poña esta multa a pesar de que este mesmo departamento autonómico recoñece que o escenario non supuxo "dano ningún" ao río Umia. 

O Concello de Caldas de Reis vén de recibir a comunicación oficial da sanción e o tenente de alcalde, Manuel Fariña, cuestiona que foi ratificada a pesares de que o propio departamento autonómico recoñece nun informe técnico que o palco non danou o río.

O expediente da sanción recolle que a inspección da Gardería Fluvial do lugar onde se instalou o palco pon de manifesto que "non se observan danos sobre o dominio público hidráulico nin na vexetación asociada ao leito".

Fariña insiste tamén en que o artigo 88 da Lei de Augas de Galicia contempla sancións de ata 30.000 euros e considera que esa baixa contía finalmente imposta pon de manifesto a "debilidade" da negativa de Augas de Galicia en contra do escenario e "apoia a tese municipal de que a estrutura debería ter sido autorizada".

O goberno local solicitou a autorización no mes de abril, catro meses antes das festas, e denegóuselle o permiso apenas días antes dos festexos, cando xa estaba organizada toda a programación e sen apenas marxe de manobra.

Manuel Fariña insiste en que o Concello cumpriu escrupulosamente con todos os requirimentos do departamento autonómico, entregando en tempo e forma toda a documentación solicitada, así como unha declaración responsable sobre o bo uso do dominio hidráulico.

Ante a negativa de Augas de Galicia, o Concello tamén presentou un recurso de alzada, do que, seis meses despois, non ten resolución definitiva.

Para Fariña, esta sanción confirma que os motivos para denegar o palco "foron puramente políticos".

O goberno de Caldas considera o escenario acuático do río un "símbolo para todas e todos os veciños" e destaca que sempre vai cumprir a normativa vixente e coidar e rexenerar o río, para o que leva solicitando máis fondos autonómicos ano tras ano.