A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, vén de instalar sete paneis informativos en distintos puntos da contorna do rego de Pousadas, no concello de Vilaboa, unha zona identificada como especialmente vulnerable ás inundacións.
A iniciativa busca mellorar o coñecemento da veciñanza sobre os riscos asociados aos episodios de fortes chuvias e ofrecer información práctica sobre como actuar ante posibles desbordamentos.
Os novos elementos de sinalización inclúen diferentes formatos, adaptados ás características de cada localización, e están situados dentro da Área de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI) do rego de Pousadas.
Segundo recolle o Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta área forma parte do grupo de maior perigosidade ante posibles enchentes fluviais.
Por este motivo, os carteis pretenden contribuír á prevención e á protección da poboación, ademais de fomentar unha maior comprensión da dinámica natural dos cursos de auga.
Esta actuación enmárcase no Plan Estratéxico de Divulgación das Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación, unha iniciativa coa que Augas de Galicia está a estender este tipo de sinalización por diferentes puntos do territorio.
Ata o momento, o organismo autonómico xa instalou paneis semellantes en 33 concellos galegos con zonas expostas a un elevado risco de inundación.
Os carteis incorporan información adaptada aos distintos públicos. Así, os paneis xerais ofrecen datos específicos sobre a zona e recomendacións de actuación en caso de emerxencia, mentres que outros modelos están pensados para o público infantil, cun deseño e unha linguaxe máis accesibles para os máis pequenos.
A instalación realizada en Vilaboa forma parte dun contrato destinado á divulgación e concienciación sobre o risco de inundación, cun investimento global próximo aos 700.000 euros.
Ademais da colocación de sinalización, o programa inclúe actividades educativas en centros de educación infantil e primaria situados preto destas áreas de risco.