Augas de Galicia destina máis de 90.000 euros para renovar a presa da piscina fluvial do Verdugo na Lama

A Lama
03 de outubro 2025

A actuación consistirá na reparación do azude que na actualidade presenta unha rotura na súa parte inferior

David Carrera e Ángeles Vázquez
David Carrera e Ángeles Vázquez / Xunta de Galicia

Augas de Galicia investirá máis de 90.000 euros en mellorar a presa que forma a popular piscina fluvial do río Verdugo situada no lugar de Sucastro.

Este compromiso quedou selado este venres coa firma dun convenio de colaboración entre a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde do Concello da Lama, David Carrera.

Tal e como explicou a conselleira, a actuación centrarase en reparar o azude -a pequena presa que regula o caudal do río-, que actualmente presenta unha rotura na súa parte inferior, o que impide reter correctamente a auga.

Para solucionalo, retirarase a comporta existente, que xa está bastante deteriorada, e instalarase unha nova.

Durante as obras, crearase un encoro provisional con sacos de area e, unha vez finalizados os traballos, tamén se acondicionará toda a contorna.

Esta intervención enmárcase na estratexia para a posta en valor das contornas fluviais, unha iniciativa que busca recuperar e mellorar infraestruturas tradicionais como represas, pasarelas ou pontes peonís que forman parte do patrimonio hidráulico galego.

Ademais de recuperar estas construcións, a estratexia tamén promove a educación ambiental, o turismo sostible e a integración dos espazos fluviais nos plans de desenvolvemento rural e urbano de cada localidade.

Neste caso, a presa que se vai a rehabilitar é clave para manter en funcionamento a piscina fluvial de Sucastro, un dos atractivos turísticos da Lama, ademais de ser un lugar de encontro e goce para veciños e visitantes durante os meses de verán.