Auguran un verán "quentiño" por falta de policías en Vilagarcía

O Salnés
28 de maio 2024

O sindicato Jupol denuncia que nesta Comisaría teñen quendas con só tres ou catro policías en servizo e teñen que realizar trasladados e custodias de detidos desde a Comisaría aos xulgados ou aos centros de saúde ou hospitais, ao carecer de unidade de seguridade e custodias

Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa
Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa / Mónica Patxot

O sindicato Jupol augura un verán "quentiño" en Vilagarcía pola situación que denuncian na Comisaría da Policía Nacional, con ausencia de policías en labores de seguridade cidadá, patrullas e custodia de detidos

Este sindicato fala de "falta" de policías e tamén de "nula xestión" dos existentes e asegura que non poden realizar funcións de prevención da delincuencia nin prestar o servizo aos cidadáns as 24 horas do día e os sete días da semana.

Segundo denuncia o sindicato, nesta Comisaría teñen quendas con só tres ou catro policías en servizo e teñen que realizar trasladados e custodias de detidos desde a Comisaría aos xulgados ou aos centros de saúde ou hospitais, ao carecer de unidade de seguridade e custodias.

O sindicato explica que xa demandou ao Ministerio do Interior e á Dirección Xeral da Policía a ampliación de postos de traballo nas Comisarías da provincia de Pontevedra, pero a resposta é que fan "oídos xordos" e néganse "reiteradamente" a enviar persoal.

No caso de Vilagarcía, ademais de falta de persoal, consideran que hai quendas de traballo "de dubidosa legalidade" e algúns policías prestan os seus servizos renunciando a vacacións en quendas pactadas. Nestas quendas á carta, renuncian ás vacacións e todo tipo de permisos, incluída conciliación laboral e familiar, e permítenlles traballar única e exclusivamente de noite, prexudicando aos policías que realizan as súas funcións a quendas rotatorias, incluídos fins de semana. Isto, segundo Jupol, "converte aos policías que non están nesas quendas en escravos de situacións irregulares de traballo".

Este sindicato policial xa advertiu da situación ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, para que adopte as mediadas oportunas.