As aulas de reforzo educativo do Secretariado Xitano atenden unha media de 45 alumnos por curso

Pontevedra
21 de outubro 2024

As aulas de reforzo escolar van dirixidas ao estudantado de etnia xitana do último ciclo de Primaria (Quinto e Sexto) e de Secundaria obrigatoria (Primeiro e Cuarto da ESO)

Aulas de reforzo educativo
Aulas de reforzo educativo / Concello de Pontevedra

Co inicio do curso académico púxose en marcha o programa de reforzo socio-educativo para menores que xestiona a Fundación Secretariado Xitano.

Esta iniciativa se desenvolve ao abeiro do plan de inclusión social e loita contra a pobreza, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus.

O reforzo socio-educativo é un proxecto que acubilla tres iniciativas complementarias: o programa Promociona, o programa de seguimento escolar e os obradoiros de lecer interculturais.

Son actividades guiadas polo convencemento do poder transformador da educación e o seu rol de acceso ao camiño da igualdade de oportunidades.

As aulas de reforzo escolar van dirixidas ao estudantado de etnia xitana do último ciclo de Primaria (Quinto e Sexto) e de Secundaria obrigatoria (Primeiro e Cuarto dá ESO).

En Pontevedra funcionan de luns a xoves, nas dependencias da Casa Azul e do centro cultural de Monte Porreiro.

O alumnado recibe por parte dos técnicos e profesoras da Fundación Secretariado Xitano acompañamento na realización de tarefas e un seguimento individualizado dos seus estudos para que poidan rematar, con éxito, a ESO e darlle continuidade á súa formación académica ou profesional.

O reforzo socio-educativo trabállase tamén coas familias e os centros educativos nos que están matriculados os menores.

Pontevedra foi a primeira localidade da Galicia na que se apostou por este tipo de intervención, no curso 2008-2009. Desde aquel intre, segundo o balance do Secretariado Xitano, atendeuse unha media de 45 alumnos por curso.

A coordinación cos centros educativos é fundamental para loitar contra o absentismo, o fracaso e o abandono escolar e para promover o interese pola continuidade dos estudos.

Este ano, por vez primeira, poderá participar plenamente nas aulas de reforzo e actividades de lecer unha menor con discapacidade auditiva, grazas ao programa Comunico da Concellería de Benestar Social que puxo ao dispor do programa unha intérprete de lingua de signos.

Centros como o CEIP A Xunqueira 1, CEIP San Benito de Lérez, CEP Marcos da Portela, CIFP A Xunqueira, CIFP Montecelo, IES A Xunqueira 1, IES Frei Martín Sarmiento, IES Torrente Ballester e IES Luís Seoane levan anos implicándose, de maneira activa, nesta aposta por reducir a fenda educativa.