Aumenta un 173% o número de probas covid nas farmacias de Pontevedra

Pontevedra
14 de xullo 2021

A participación da poboación no cribado aumentou un 173% nos primeiros doce días de xullo, fronte ao mesmo período do mes de xuño, pasando de 260 a 711 persoas diarias de media

Probas de cribado de covid en farmacias de Pontevedra Mónica Patxot

Desde que no mes de febreiro de 2021 as farmacias de Pontevedra comezaron a colaborar coa Consellería de Sanidade no Programa para a detección do virus SARS- CoV-2 na cidadanía da provincia de Pontevedra a través das oficinas de farmacia e mediante a auto recollida dunha mostra de saliva, dispensaron 81.213 tubos de recollida de mostra de saliva e detectáronse 406 positivos asintomáticos.

A este respecto, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, destacou a importancia da colaboración das farmacias nestes cribados, xa que "pola súa accesibilidade facilitan a realización da proba aos cidadáns, o que contribúe a unha maior participación e a un aumento na detección de positivos asintomáticos".

Nos primeiros doce días deste mes de xullo incrementouse considerablemente a participación dos pontevedreses no cribado COVID-19, con respecto ao mesmo período do mes de xuño, rexistrándose un aumento do 173%. Mentres en xuño a media diaria de persoas participantes foi de 260 por día, en xullo esta media elevouse a 711, rexistrándose este luns unha participación de 1.527 persoas.

"Aumentou moito a participación e o número de positivos detectados é preocupante. Nos primeiros doce días de xullo detectáronse 161 positivos, cando nese mesmo período do mes de xuño non chegaron a 20 os positivos detectados", detalla a presidenta dos farmacéuticos pontevedreses, que anima a participar no cribado sobre todo aos mozos.

LECER NOCTURNO

Debido ao requisito de proba COVID-19 negativa, realizada nas últimas 72 horas, para poder acceder aos locais de lecer nocturno nos municipios con nivel medio de restricións, incrementouse o crédito a catro mostras nos municipios de Pontevedra, Poio, Marín, Caldas de Reis, Redondela e Salceda de Caselas.

Nestes municipios as persoas terán dispoñibles catro tubos de recollida de mostra de saliva, no canto dun, para que poidan realizar outras tantas probas PCR que lles permitirán acceder, se o resultado é negativo, aos locais de lecer nocturno, tal como esixe a autoridade sanitaria.