Aumentan as adopcións de cans do Centro de Acollida da Armenteira

Pontevedra
20 de febreiro 2020

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de éxito a campaña posta en marcha polo ente provincial que favoreceu a adopción de sete cans nos últimos días e 43 no que vai de ano

Comparecencia de Carmela Silva para informar dos resultados da campaña de adopción de cans do CAAN
Comparecencia de Carmela Silva para informar dos resultados da campaña de adopción de cans do CAAN /

A campaña Abraza un Caan que puxo en marcha a Deputación para visibilizar aos cans que se atopan no Centro de Acollida e Protección de Animais da Armenteira está a ser, en palabras da presidenta Carmela Silva, "un éxito absoluto". A mandataria puxo en valor os bos resultados que está a dar a iniciativa de fotografar aos deputados con estes animais para compartir as imaxes nas redes. Desde que se puxo en marcha, foron sete os cans adoptados e no que vai de ano, rexistráronse 43 adopcións.

A segunda fase desta campaña, que comezará tan pronto como terminen as obras que se están executando no centro, serán estudantes de centros educativos da provincia os que se acheguen ao CAAN para coñecer e abrazar a estas criaturas. 

Oly, Salgo, Revel, Negrín, Hoto e Prota son os últimos cans en atopar un novo fogar, pero aínda hai moitos máis que seguen esperando unha familia. É o caso de Apro, o can de maior idade do refuxio, que leva seis anos de espera. " Non pode seguir alí máis tempo", pediu a socialista.