Aumentan as restricións en Bueu e A Illa e levántase o peche perimetral en Barro

Pontevedra
15 de decembro 2020

Con esta decisión, levántase o límite perimetral de Barro, tal e como demandaba gran parte da cidadanía e o goberno local que dirixe Xosé Manuel Abraldes, que inmediatamente aplaudiu a medida nas redes sociais á espera de máis datos durante a xornada deste mércores

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro
Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro

O comité clínico da Consellería de Sanidade reuníase na tarde deste martes 15 e adoptaba a decisión de suavizar as medidas restritivas no concello pontevedrés de Barro, ademais de Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso. Estes municipios pasan ao nivel básico de restricións.

Con esta decisión, levántase o límite perimetral de Barro, tal e como demandaba gran parte da cidadanía e o goberno local que dirixe Xosé Manuel Abraldes, que inmediatamente aplaudiu a medida nas redes sociais á espera de máis datos durante a xornada de mañá. O alcalde recibía a información por parte do xerente da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, José Ramón Gómez. 

Pola contra, o Concello de Bueu pasa ao nivel máximo de restricións, segundo informan desde a Consellería de  Sanidade, xunto a Ribeira e Baiona. Na  Illa tamén se produce un incremento das restricións pasando a nivel medio, unha situación que tamén afecta a Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro e Fisterra.

O comité clínico mantén a mesma situación que ata o de agora no resto de municipios da contorna de Pontevedra, Arousa, Umia e O Salnés. A capital de Galicia, pola contra, tamén verá incrementado o nivel de medidas restritivas e pasará ao estado medio, quedando desta forma Santiago de Compostela pechada perimetralmente debido ao incremento de casos durante as últimas datas. Todas as medidas entrarán en vigor da noite do mércores ao xoves 17 de decembro.

Desde a Consellería advirten da obrigatoriedade de cumprir coas medidas establecidas pola Xunta de Galicia para tentar mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade. Este mércores 16, o conselleiro Julio García Comesaña ofrecerá unha rolda de prensa para explicar as novas medidas e do plan previsto para o Nadal en Galicia.