O presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa, manifestou o seu interese en ampliar o uso do faro de Ons e compatibilizalos coa súa función principal como elemento de axuda á navegación.
Desde a Autoridade Portuaria sinalan que a realidade operativa tanto do Faro de Ons como do resto de faros, torres baliza e aboias evolucionou ao longo dos anos, pasando dun aceso manual a un sistema automatizado e monitorizado.
En consecuencia diso, "hai partes do inmoble que non resultan imprescindibles para o funcionamento e mantemento ordinario do servizo de axudas á navegación", afirmou Suárez Costa, quen sinalou que desde a entidade valoran a posibilidade de darlle un uso cultural a modo museo ou exposición á parte non necesaria para o servizo.
Sería, en todo caso, dunha maneira "compatible que non interferise nas necesidades presentes e futuras do sistema de axudas á navegación", algo "fundamental para a seguridade na Ría", subliñou.
Neste sentido, o presidente xa iniciou contactos co resto de administracións implicadas para ir definindo as características e singularidades do proxecto que tamén deberá concretar a súa forma de xestión.
Doutra banda, a Autoridade Portuaria convocou a algúns colectivos sociais e culturais que manifestaron a súa inquietude polo futuro do faro co obxectivo de abrir unha vía de diálogo e intercambio de ideas para materializar este proxecto.
A LUZ DO FARO CELEBRA O SEU CENTENARIO
Con motivo da efeméride, a entidade publicou un libro sobre a historia dos sinais marítimos da Ría, titulado 'Rojo a Babor', cuxos autores son Enrique Abati, quen foi fareiro e responsable de sinais marítimos da Autoridade Portuaria e María Eyo, Xefa da División de Comunicación e Responsabilidade Social Corporativa.
A obra é unha exhaustiva investigación histórica sobre cada unha das axudas á navegación da Ría de Pontevedra que está a ser distribuída en bibliotecas, arquivos, centros educativos e museos da contorna para pola a disposición do público xeral.
O presidente da Autoridade Portuaria destacou o gran labor realizado polos sucesivos fareros na illa, "que dedicaron ao longo dos anos parte do seu tempo e os seus coñecementos para recuperar e conservar pezas históricas vinculadas ao faro e aos sinais marítimos".
A Autoridade Portuaria xa editou o pasado ano un catálogo físico coa descrición destes elementos para poder conservar e difundir o seu legado, baixo o título 'Ons, la memoria del faro'.
En paralelo, xa existe unha exposición permanente no faro que foi visitada por colectivos culturais e centros educativos que está a funcionar cun respecto absoluto á contorna e ás limitacións do lugar.