A Xunta de Galicia enviou ao Concello de Pontevedra un informe favorable para implantar o servizo de transporte baixo demanda a través dos taxis do municipio. Este proxecto englóbase dentro do modelo de transporte colectivo baixo demanda empregando vehículos de baixa capacidade, que leva o nome de 'coche de punto'.
Anabel Gulías, portavoz municipal, indicaba este luns que a Xunta concede os permisos necesarios para desenvolver esta alternativa e a posibilidade legal de modificar a actual ordenanza municipal que regula o servizo de taxis, para que poidan acollerse a esta opción.
A Xunta entende que é viable a regulación a través da ordenanza e, desta forma, será posible establecer un transporte público de taxis que operen baixo demanda das persoas usuarias, explicou Anabel Gulías.
Esta autorización permite que se estude o pago dunha tarifa inferior á correspondente ao alugueiro do vehículo completo en circunstancias normais.
A intención do goberno local é que o transporte a demanda en Pontevedra, coa utilización dos taxis, entre en funcionamento a finais deste 2022 ou a principios do próximo ano.
O informe da Xunta acepta a opción de establecer un "servizo de transporte público en vehículos turismo, taxi, que operen baixo demanda das persoas usuarias e, por tanto sen reiteración de itinerario, calendario e horario, no que se realice a contratación individual por praza co pago dunha tarifa plana inferior á que correspondería pola contratación do vehículo completo".
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra tamén aprobaba este luns a prórroga da asistencia técnica do desenvolvemento do estudo de viabilidade do transporte a demanda. Será ampliado por catro meses máis, de maneira que se prolongará ata xuño. Segundo o goberno local, a prórroga do informe que estuda a viabilidade técnica e económica do proxecto derívase da espera do informe favorable por parte da administración autonómica.