Autorizan a apertura de clínicas e centros veterinarios durante o estado de alarma

Pontevedra
18 de marzo 2020

Estes servizos médicos para animais non estaban mencionados explicitamente no texto legal e, segundo avanzou o presidente do executivo central, Pedro Sánchez, incluirase na listaxe de establecementos esenciais para a cidadanía

Can atendido por un veterinario
Can atendido por un veterinario / David Mark / Pixabay

O Goberno modificou o real decreto aprobado o pasado sábado para introducir unha serie de cambios, entre outras cousas, nos establecementos que poden abrir ao público. Así, poderán abrir tamén clínicas e centros veterinarios.

Estes servizos médicos para animais non estaban mencionados explicitamente no texto legal e, segundo avanzou o presidente do executivo central, Pedro Sánchez, incluirase na listaxe de establecementos esenciais para a cidadanía.

Esta cuestión fora solicitada por colexios profesionais e comunidades autónomas, ao entender que o texto aprobado era ambiguo e creaba inseguridade nos veterinarios.

En todo caso, desde o sector piden aos cidadáns que fagan uso destas clínicas con sentido común e se limiten a acudir a elas só se se trata de casos graves ou urxencias.

Ademais, recomendan solicitar cita previa e evitar aglomeracións nas salas de espera destas clínicas, para evitar riscos innecesarios de contaxio polo coronavirus.