Autorízase o aparcamento de autocaravanas no campo de billarda durante a Semana Santa

Poio
25 de marzo 2021

A concellería de Seguridade Cidadá anuncia que tanto este espazo como a área de servizo acollerán estacionamento por un máximo de 24 horas, coa intención de garantir a rotación destes vehículos nas prazas

Vehículo convertido en autocaravana, aparcado na Seca
Vehículo convertido en autocaravana, aparcado na Seca / PontevedraViva

Esta Semana Santa, o Concello de Poio contará cun espazo máis para aparcamento de autocaravanas da Seca, na parroquia de San Xoán. A concelleira responsable de Seguridade  Cidadá Marga Caldas explicaba este xoves que ata últimas horas do domingo 4 de abril, de maneira excepcional, permitirase que estes vehículos estacionen no campo de  billarda que se atopa nesa mesma zona.

Esta parcela conta cunha extensión superior a 1.600 metros cadrados e nela espérase que poidan estacionar máis de vinte autocaravanas, segundo os cálculos realizados pola Policía Local. 

Será un aparcamento disuasorio exclusivo para estes automóbiles, igual que xa se habilitou durante o verán de 2020. Con esta medida quérese garantir un amplo número de prazas para este tipo de turismo. 

O período máximo de parada para as autocaravanas limítase a 24 horas tanto no campo de billarda como na área de servizo, que conta con dez prazas. Esta medida quedará implantada de maneira permanente. Con esta proposta quérese garantir a rotación dos vehículos nas prazas de maneira efectiva. A Policía Local realizará controis de maneira periódica para comprobar o uso correcto dos espazos e garantir a convivencia entre turismos e autocaravanas nesta zona.

Marga Caldas explicou que a ocupación temporal do campo de billarda é unha experiencia piloto para ver se esta medida pódese adoptar durante os meses de xullo e de agosto.