Aval xurídico ao procedemento para arrender o local da punta do Paseo Alcalde Blanco

Marín
27 de xaneiro 2025

Desestimouse a solicitude presentada polo BNG onde suxerían que había erros no prego que rexe o concurso. O prazo de presentación de ofertas xa está pechado

Local destinado a cafetería no Paseo Antonio Blanco
Local destinado a cafetería no Paseo Antonio Blanco / Mónica Patxot

Os servizos técnicos do Concello de Marín emitiron este luns un informe onde avalan o correcto procedemento administrativo levado a cabo para que o local ubicado na punta do Paseo Alcalde Blanco poida ser explotado como cafetería.

Este informe deriva dunha solicitude presentada por rexistro polo Bloque Nacionalista Galego, onde se sinalaban presuntos erros na licitación por non constar un prego de prescripcións técnicas e por non incluir o pago dun seguro de responsabilidade civil dentro dos cálculos económicos.

Con respecto á primeira cuestión, o informe técnico explica que dado que se trata dun contrato patrimonial sobre un ben non se lle aplica a Lei de Contratos do Sector Público.

Debe rexerse pola lexislación patrimonial, que o que esixe é un prego de condicións do concurso no que se reflictan as distintas condicións polas que se rexerá a explotación do local, así como outras cuestións.

Este documento "é o que se atopa publicado e rexe o presente arrendamento", reza o informe.

Sobre o seguro, os técnicos aclaran que o único seguro que é esixible dentro do concurso é o que comprenda posibles danos ao local, cifrado nun importe mínimo de 60.000 euros.

O seguro de responsabilidade civil ao que se fai mención no escrito do BNG debe ser asumido pola persoa que resulte adxudicataria, como unha obriga legal que ten no momento no que pasa a ser quen explote este servizo.

"Non é pertinente a esixencia dunha determinada contía ou requisitos, xa que dado que a duración do arrendamento supón varias anualidades, permitirá que o futuro adxudicatario se adapte ás normativas vixentes en cada momento".

O prazo de presentación de ofertas pechou o pasado 23 de xaneiro e o xoves será a mesa de contratación, na que se abrirán as ofertas presentadas.